Embalse Portomarin Portomarín, camiños de auga e soños home conferencia hidroráfica del Miño-Sil Portomarin concello
Imaxe do panel: Juan Castro Flores: o poder da razón
 Recordos 

Juan Castro Flores: o poder da razón

  • Compárteo

Juan Castro Flores naceu na parroquia luguesa de Tirimol en 1908. Fillo de labregos, ao concluír o bacharelato, cursou estudos na Escola Normal de Lugo. En febreiro de 1932 chega á vila de Portomarín para ocupar unha praza de mestre na que estaría ata marzo de 1973. Máis de catro décadas de maxisterio deixaron unha fonda pegada en xeracións de veciños do vello e do novo Portomarín, municipio ao que sempre considerou como propio.

As circunstancias políticas e históricas truncaron en parte a súa carreira. As súas simpatías republicanas impedíronlle tomar posesión dunha praza que aprobara en 1936: a de Inspector de Ensino Primario. Mais afortunadamente, Castro Flores conservou a de mestre en Portomarín e neste municipio foi posteriormente case todo: xuíz de paz, secretario da cámara agraria local e incluso alcalde durante un breve lapso de tempo (1952-1953).

Un ex alumno seu que tamén sería posteriormente alcalde, Eloy Rodríguez, lémbrao coma un home “extraordinariamente traballador, honrado e que formou brillantemente a moitas xeracións”. Da mesma opinión é Manuel Castelo: “Fun alumno del dende os sete ata os catorce anos e non teño máis que boas palabras. O nome de Juan Castro é moi importante para Portomarín”. Outro seu pupilo na escola, Genaro Somoza, subliña que o que máis o impresionaba do mestre era que “non ensinaba impoñendo, el ensinábate a razoar”.

Castro Flores tivo unha filla e un fillo que se criaron en Portomarín. Juan Luís Castro Somoza, que cursou os estudos primarios co pai, acabaría sendo avogado do estado. Unha súa filla e neta do vello mestre, Consuelo Castro Rey, tamén avogada do estado e primeira muller en acceder á Real Academia Galega de Xurisprudencia lembra a seu avó como un home co corazón ligado para sempre a Portomarín: “Ao se xubilar marchou para Lugo e ao final morreu en Ourense por cuestións familiares (alí residía o seu fillo) pero botaba moito de menos Portomarín e emocionábase moito cando lle falaban da vila”.

Consuelo Castro salienta tamén a alma galeguista dun mestre en épocas nada propicias: “Tenme chamado moito a atención oírlle a algún ex alumno contar que nunca soubera do himno de Galicia ata que llo aprendera meu avó na escola”. No plano persoal lembra que seu avó lle fixo un agasallo moi especial cando apenas tiña dez anos e soñaba, froito das súas lecturas, con ser unha aventureira. Unha mañá confesoulle a vocación a seu avó e este pola tarde apareceulle co prezado regalo: unha brúxula.

Marisa Castro, a súa única filla viva, reside na actualidade en Madrid. Ela criouse en Portomarín, aínda que por cuestión de sexos non tivo a seu pai de profesor: “Daquela os nenos e as nenas aínda iamos separados á escola”. Marisa, que coincide en que Portomarín foi para seu pai toda a súa vida, conta por teléfono que garda na casa un libro de sinaturas que a modo de homenaxe lle regalaron os veciños co gallo da súa xubilación.

Mais na vila tamén lembran como na década dos sesenta, dende o seu posto de secretario na Hermandad de Labradores, Castro Flores animaba a moitos veciños, especialmente aos máis humildes, a abonar as cotas da seguridade social nuns tempos nos que moitos eran reticentes por medo a que fosen cartos tirados. Aqueles pagos, moitas veces mínimos, serviron para que todos aqueles que o fixeron puidesen acceder posteriormente ás pensións da agraria.

Juan Castro Flores, don Juan para os seus alumnos, finou en Ourense en 198? Ao seu enterro acudiron numerosos veciños de Portomarín. Ninguén esquecía que a pouco máis de 70 km enterraban un mestre que sen nacer na vila gañara con creces a nacionalidade portomarinense.