Embalse Portomarin Portomarín, camiños de auga e soños home conferencia hidroráfica del Miño-Sil Portomarin concello
Imaxe do panel: O Río
 O Río 

O Río

  • Compárteo

A bacía do Miño-Sil ten unha superficie de 17.619 Km2. O Miño ten unha bacía de 8.288 Km2 e unha lonxitude de 315,15 Km. Nace na serra de Meira e desemboca no esteiro de A Guarda, facendo fronteira con Portugal no treito final. Conforma unha das principais rexións produtoras de enerxía eléctrica de España. Cunha cola de 50 km, o Embalse de Belesar (654 hm3) acumula a maior reserva de auga de Galicia e é o maior encoro do norte de España.

Poucos municipios de terra adentro poden presumir dunha tradición pesqueira como a de Portomarín. O Miño foi durante séculos, despois da terra, o segundo sustento dos veciños. Ata a construción do encoro de Belesar o río fornecía un alimento tan importante e tan escaso noutros municipios da Galicia interior como é o peixe. A pesca, principalmente a da anguía, servíalle para complementaren ingresos a moitas familias e incluso era case a única forma de vida dalgúns veciños.

Para falar de Portomarín e da súa tradición pesqueira é imprescindible reparar nunhas construcións populares de enorme importancia: os caneiros. Os 'caneiros' eran construcións populares de enorme importancia para a captura do peixe. Consisten nun muro ou varios, paralelos ou oblicuos no curso do río que guían o camiño dos peixes facilitando a súa captura. A propiedade destas construcións era familiar e transmisible por herdanza. No seu traballo “Os caneiros de Portomarín”, Ladra Fernández subliña que a propiedade destas construcións era familiar e transmisible por herdanza: “non todas as casas posuían caneiros, mais eran libres de construílos se así o desexaban e podían sufragar os dispendios económicos”. As propias familias donas dos caneiros eran as encargadas de explotalos aínda que tamén se podía alugar a terceiros.

A recuperación dunha arte de pesca secular

Hoxe en día, o traballo da asociación O Carrual, que agrupa pescadores dos concellos de Portomarín, Paradela, O Páramo e Guntín consegue manter vivo un xeito de pesca da anguía secular e recuperar así un patrimonio etnográfico de primeiro orde como son os caneiros. A asociación, creada nos anos 90, agrupa 33 caneiros destes municipios, moitos deles compartidos por varias familias.

Manolo Ares, presidente da asociación, explica a loita que mantiveron os veciños para recuperar unha forma de pesca que caeu en desuso coa construción do encoro hai medio século. Os pescadores da zona foron os encargados de negociar vai xa para 20 anos coas autoridades hidrográficas a restauración dos caneiros e a revitalización da pesca da anguía. Grazas ao seu esforzo e ao apoio da administración a anguía, cunha poboación evidentemente ben máis minguada, segue a ter futuro nas terras de Portomarín. Cada ano, a Consellaría de Medio Ambiente traslada angulas dende o encoro de Frieira ata as augas de Portomarín, logo, os asociados do Carrual, encárganse de proporcionarlle á Xunta un importante número de exemplares adultos para que poidan volver ao mar a completar o seu ciclo biolóxico.

Noutrora no río Miño abundaban as anguías, as troitas, os reos, os salmonetes e incluso se pescaba a lamprea. Hoxe en día, esta especie, ao igual que o reo, xa non forman parte do ecosistema fluvial de Portomarín. Porén, o esforzo veciñal foi quen de conservar medio século despois un dos peixes que maior fama lle dá a Portomarín en toda Galicia: as súas anguías.

A anguía

En Portomarín hai unha raíña fluvial con dereitos históricos: a anguía. A anguilla anguilla é un peixe teleósteo, que vive entre o mar e o río, e que é moi estimado tamén pola súa carne. A anguía, moi frecuente no pasado en Europa, sofre un gran retroceso. Algúns estudos calculan que, dende os anos 70, o seu número puido caer ata un 90% en toda Europa. A contaminación e as barreiras hidráulicas son dous dos principais inimigos desta especie. A mediados do século XX a anguía era unha verdadeira fonte de riqueza para a vila.

A troita

A troita é, sen dúbida, a princesa dos ríos galegos. A salmo trutta fario, como se coñece cientificamente, é a troita xenuína e tamén a máis abundante tanto nos regatos como nos grandes ríos do país. A troita, truita, truta e ata trutia, segundo as diferentes variedades dialectais do galego é un peixe polo que salaian cada ano milleiro de pescadores e que ten unha altísima estima na cociña.

A lamprea

A lamprea, “Petromyzon fluviatilis”, é un dos seres máis primarios e menos evolucionados do mundo animal. Os biólogos calculan que esta especie pode ter máis de 500 millóns de anos de antigüedade. Aínda que o número de exemplares era moito máis reducido que o das anguías, no vello Portomarín tamén se pescaba e cociñaba, de xeito maxistral, a lamprea, hoxe desaparecida.