Embalse Portomarin Portomarín, camiños de auga e soños home conferencia hidroráfica del Miño-Sil Portomarin concello

Flora da zona

  • Compárteo

O clima é oceánico se ben con influencias continentais, con invernos fríos e veráns calurosos, aínda que non tanto como a área sur da Ribeira Sacra, máis próxima a Ourense, onde sobre todo os veráns acostuman a disparar os termómetros. De cando en vez abrollan tamén as néboas do Miño. Os microclimas das chairas máis fértiles antigamente á beira do curso orixinal do río foron modificados pola construción do encoro: a creación da que é hoxe a maior reserva de auga de Galicia modificou o ecosistema fluvial outorgándolle tintes lacustres. As altitudes móvense na zona en cotas de entre 200 e 700 metros sobre o nivel do mar e as precipitacións nun abano medio de entre 900 e 1100 mm. As temperaturas medias no entorno dos 10 a 12º, con condicións máis extremas nas proximidades das montañas e máis suaves conforme aproximamos ao pai Miño.

A riqueza paisaxística da área de influencia do encoro de Belesar vai dende a elegante maxestuosidade das proximidades da Serra do Faro pasando por vizosas chairas deica á exhuberancia natural que asoma ás ribeiras do Miño e os seus afluentes.  

A construción do encoro minguou a vexetación clásica de ribeira, malia conservárense mostras significativas da flora acuática. O propio encoro de Belesar marca un certo punto de transición entre dúas subzonas que, alén das similitudes, gozan de características ben diferenciadas. 

Así, augas arriba a flora atlántica é maioritaria e esvaen paseniño os elementos que son pegada da flora mediterránea que ao norte de Portomarín desaparecen case ao completo. 

E mentres os carballos e toxos dominan nesta área, tamén con gran presenza de castiñeiros e bidueiros, conforme imos río abaixo, cobra protagonismo non só a vide, senón tamén os soutos de castiñeiros, sobreiras, érbedos, matogueiras e lavandas, etc, ademais de superficies de piñeiro bravo ou marítimo (Pinus Pinaster). Prantas medicinais diversas e froitos do bosque decoran tamén a frondosa vexetación.