Embalse Portomarin Portomarín, camiños de auga e soños home conferencia hidroráfica del Miño-Sil Portomarin concello

Fauna na ribeira

  • Compárteo

A fauna da zona inclúe, no contorno do río, diversos moluscos de auga doce, así como a lontra, as anguías e as troitas. Mentres, polos montes da zona corren o xabaril, o raposo, o lobo, a lebre, o coello, ourizos e lagartixas, e mesmo o corzo se achega con frecuencia ao ollo da xente perto das estradas. Son, segundo os estudosos, máis de centocincuenta as especies de vertebrados identificadas.

Capítulo extra merecen as aves, con perto dun cento de especies de interese diferentes rexistradas no entorno do embalse de Belesar. O inverno é bo para botarlle un ollo ás aves acuáticas e especialmente, a primavera, durante o período nupcial, é idónea para o turismo ornitolóxico. Unha excursión na primavera á beira do Miño permitiranos observar con probabilidade exemplares do Millafre negro (Milvus migrans) ou a Aguia calzada (Hieraaetus pennatus). Tamén sobrevoando estas terras xacobeas aparecen o Falcón peregrino (Falco peregrinus) e a Aguia albela ou cobreira (Circaetus gallicus). A Tartaraña cincenta é outra ave de rapiña migratoria cuxo voo flotante podemos contemplar por estes pagos. E perto de lindes do bosque e campos de cultivo anda algún Miñato abelleiro, así chamado pola súa cobiza por vésporas e abellas. Con sorte no inverno, avistaremos a envergadura inconfundible dunha Garza real (Ardea cinerea). E non moito máis pequeno será algún corvo mariño grande (Phalacrocorax carbo). Ademais, asomarán as cristas negras do mergullón cristado (Podiceps cristatus). A perdiz, o paspallás e paseriformes varias son parte tamén da fauna local. Poderán escoitar o belo canto do Reiseñor (Luscinia megarhynchos), que a comezos da primavera fai música para atraer parella (se o escoitan de maio en diante ha de ser algún solteiro). A anduriña (Hirundo daurica), o cardeal (Pyrrhula pyrrhula), o picanzo vermello (Lanius collurio), a ferreiriña (Prunella modularis) ou o picafollas común (Phylloscopus ibericus) son outras aves comúns na zona.

Entre as especies ameazadas que identificaron os investigadores nesta área están o morcego das hortas (Eptesicus serotinus) e o morcego rateiro grande (Myotis myotis).