Embalse Portomarin Portomarín, camiños de auga e soños home conferencia hidroráfica del Miño-Sil Portomarin concello
Imaxe do panel: Mosteiro de San Estevo de Ribas de Miño (O Saviñao)
 Románico 

Mosteiro de San Estevo de Ribas de Miño (O Saviñao)

  • Compárteo

Declarado monumento Nacional histórico-artístico xa en 1931 trátase dunha das máis relevantes mostras do románico na Ribeira Sacra. Construído no último terzo do SXII, este templo mostra a clara pegada da obra do Mestre Mateo. En privilexiado mirador sobre o Miño, desde onde agora pode verse a mellor estampa da fronte do embalse de Belesar, os seus construtores salvaron o escarpado terreo escavando o ábsida na rocha e descansando a súa fachada sobre unha cripta.

De nave única, con muros de cachotería granítica, contrafortes exteriores e cuberta a dúas augas. A súa fachada enmárcase en arcos en forma de portas, rosetón e gardachoivas de arquiños, e catro arquivoltas. A interior debuxa sete figuras sentadas con instrumentos, a segunda é adornada por baquetas con escocia rechea de cuñas, a terceira con dobre trenzado e remata a cuarta cun baquetón anelado con tallos e flor. O seu tímpano liso apóiase en mochetas con demo e anxo. O beirado é percorrido por unha faixa lombarda con adornos de cabezas, humanas e de animais.

A nave divídese en catro tramos con tres semicolumnas. No seu interior hai tallas barrocas do S.XVII. Na cara norte, restos dun mural con imaxes do nacemento de Cristo e un grupo escultórico que representa a Epifanía. As pezas que representan os Reis Meigos acháronse baixo o chan do templo. Na unión co presbiterio, unha peza con taqueada e sobre ela unha calada con deseño de lazo irlandés. Baixo a talla policromada da Virxe, vemos unha cara monstruosa.