Embalse Portomarin Portomarín, camiños de auga e soños home conferencia hidroráfica del Miño-Sil Portomarin concello
Imaxe do panel: Camiños de espiritualidade e paz
 Románico 

  • Mosteiro de San Estevo - Detalle de campás Mosteiro de San Estevo - Detalle de campás
  • Imaxe do panel: Camiños de espiritualidade e paz
  • Imaxe do panel: Camiños de espiritualidade e paz
  • Imaxe do panel: Camiños de espiritualidade e paz
  • Imaxe do panel: Camiños de espiritualidade e paz

Camiños de espiritualidade e paz

  • Compárteo

Baste dicir que nos atopamos fronte á maior concentración de construcións relixiosas de estilo románico en Europa. Con ese tan simple como grandioso dato podemos intuír o que no transcurso dos séculos viron aquelas xentes para converter estes fermosos lugares en terra de eremitas.

Recollemento, serenidade e repouso para o espírito son obxectivos fáciles de visualizar en paraxes como os que nos ocupan: a apracible e exuberante Ribeira Sacra.

A primeira mención escrita a esta 'Rivoyra Sacrata' identificouse no documento fundacional do Mosteiro de Santa María de Montederramo, documento datado en Allariz en agosto de 1124 e asinado pola raíña dona Teresa de Portugal, filla de Alfonso VI. Tratábase dun documento no que se recollía a cesión ao monxe Arnaldo e aos seus compañeiros dun terreo para a fundación dun novo mosteiro na tal 'Rivoyra Sacrata'. A posterior anotación e comentario desta denominación por parte do historiador relixioso Frei Antonio de Yepes popularizou progresivamente o nome para esta zona comprendida actualmente entre as provincias de Lugo e Ourense e ribeiras do Miño e o Sil.

E aínda que, á elevada cantidade de mosteiros, igrexas e capelas ténselle atribuído a orixe do nome, non é ésta a única das hipóteses existentes. O historiador Manuel Vidán, citando á súa vez o erudito portugués Torquato de Souza Soares, alerta dun posible erro na tradución que no seu día realizara Frei Antonio de Yepes. Segundo a nova hipótese, onde se leu "Rivoyra" habería que ler "Rovoyra", aludindo así ao latino "robur", carballo de forma que o que criamos "ribeira" faría referencia a "carballeira". Segundo esta nova visión, o término estaría entón relacionado coa tradición celta respecto ao carballo. Árbore sagrada e gardián da tribo e á súa vez, orixe de espazos de bosque venerados pola súa presenza.

Un paseo polo románico

En calquera caso, está claro que o acougo, placidez e fermosura destas paisaxes a bo seguro teñen moito que ver co nacemento de tantos lugares consagrados á fe e espiritualidade. Un conxunto de patrimonio histórico-artístico e patrimonio natural que levou en tempos recentes á recolleita de sinaturas en favor da proposta á UNESCO para que a Ribeira Sacra sexa recoñecida como Patrimonio da Humanidade.

Tal e como vemos, a conmemoración dos 50 anos do embalse de Belesar non pode esquecer o extraordinario patrimonio que neste ámbito acolle a zona circundante. Son moitos os vestixios e mostras onde deternos, pero centrarémonos nos principais. Nesta sección da web facemos un breve repaso.