Embalse Portomarin Portomarín, camiños de auga e soños home conferencia hidroráfica del Miño-Sil Portomarin concello
Imaxe do panel: O Camiño de Santiago: as pegadas do mundo nas terras portomarinenses
 A Compostela 

O Camiño de Santiago: as pegadas do mundo nas terras portomarinenses

  • Compárteo

Nos meses de primavera e verán, a vila de Portomarín é un verdadeiro crisol de culturas. Peregrinos dos máis dispares países do mundo, que acaban de chegar ou a punto de partir, pasean polo núcleo facendo parada obrigada na impoñente igrexa de San Nicolás. Aquí dormen, xantan ou toman un refrixerio peregrinos que acumulan en moitos casos centos e centos de quilómetros nas súas botas.

O vello e o novo Portomarín serían inexplicables se a ruta xacobea non pasase ao longo de todo o municipio. No século XII o Papa eleva a Santiago de Compostela á mesma categoría de centro de peregrinaxe que Roma e Xerusalén, os dous grandes polos do cristianiasmo. A mediados dese mesmo século aparece o Códice Calixtino, unha xoia bibliográfica que será fundamental para a difusión do Camiño de Santiago. Nesa obra xa aparece resaltado Portomarín (Pons Minee) como lugar obrigado de paso. A súa ponte era unha infraestrutura indispensable para os camiñantes que querían cruzar o río Miño.

No decurso da Idade Media Portomarín vai crecendo en tamaño e importancia de xeito paralelo a un Camiño de Santiago que vive épocas de esplendor. Tamén a mediados do século XII chega a Portomarín a Orden Militar e Hospitalaria de San Xoán de Xerusalén. A orde terá unha enorme importancia na historia local xa que os sanxoanistas contarán cunha bailía de notable importancia que lle permitirán manter a igrexa e o hospital de peregrinos (Domus Dei) e que goza da protección de varios monarcas.

Rexurdimento da senda xacobea nos anos 90

O Ano Santo de 1993 marcou un auxe sen precedentes no Camiño de Santiago. Se analizamos os datos da propia Igrexa en 1993 foron case 100.000 os peregrinos que chegaron a Santiago de Compostela, fronte aos menos de 2.000 que o fixeran no ata daquela último Ano Santo (1982). No Ano Santo de 2010 a cifra xa superou os 272.000 peregrinos.

De xeito paralelo a este rexurdimento, a nova vila de Portomarín tamén foi creando nas últimas dúas décadas unha importante infraestrutura hostaleira dirixida aos peregrinos. Canda os albergues de titularidade pública naceron numerosos hostais e pensións que lle dan de cama e comida aos visitantes que chegan ao núcleo portomarinense. Na actualidade hai arredor dun milleiro de camas alugables en Portomarín, o que nos dá unha idea da importancia que pode ter o servizo aos peregrinos nunha vila pequena coma esta.  


Máis información: