Embalse Portomarin Portomarín, camiños de auga e soños home conferencia hidroráfica del Miño-Sil Portomarin concello
Imaxe do panel: Patrimonio que emerxe no tempo
 No tempo 

Patrimonio que emerxe no tempo

  • Compárteo


O pasado como valor tamén no presente

Portomarín vello quedou asolagado polo Miño e con el perdeuse unha das máis fermosas vilas medievais de Galicia (En 1946 a vila fora declarada Conxunto Histórico-Artístico). Unha xoia de arquitectura relixiosa como é a igrexa de San Xoán xa fora declarada Monumento Nacional en 1931. A memoria do Portomarín vello está repleto de historias que contan un pasado esplendoroso dende a época medieval. E malia a destrución e drama humano que trouxo canda si a construción hidráulica, pódese dicir que o traslado da vila foi un mal menor xa que alomenos puideron conservarse algúns dos seus monumentos máis distinguidos, como é o caso as igrexas de San Xoán e San Pedro, o Pazo de Berbetoros ou a Casa do Xeneral Paredes. Ademais, o novo Portomarín non é, nin moito menos, a clásica capital municipal que carece de identidade propia. No seu momento contou coa implicación dun excepcional arquitecto da época, Pons de Sorolla, que foi quen de deseñar un novo poboado cunha mestura de modernidade e tradición. Canda unha paisaxe de beleza innegable, o concello dispón dun patrimonio histórico e artístico moi superior á media dos concellos do seu tamaño.

Este é o Portomarín novo que cincuenta anos despois, coma todos os concellos rurais, mira ao futuro, sen renunciar ao seu pasado, e que se reinventa cada día.

As pontes da vida

Comprender Portomarín sería imposible ser referírmonos ás súas sucesivas pontes sobre o Miño. Estes pasos foron testemuño excepcional do paso de xentes e mercancías dunha e outra beira do río, e a eles se debe o esplendor histórico de Portomarín. Aínda hoxe, á entrada da vila poden contemplarse os restos da que se presume que é a ponte romana construída no século II e que durante moitos séculos foi a principal infraestrutura sobre o río Miño, con 152 metros de lonxitude e 3,30 metros de ancho.

En 1933 construíuse unha nova ponte que resolvería os problemas anteriores. Porén, a construción do encoro de Belesar fixo que esta obra da enxeñaría civil, aínda en pé, estea mergullada a maior parte do ano. En 1964 inauguraríase a ponte actual, obra dun profesional moi novo que chegaría a ser un dos principais referentes da enxeñería española do século XX: o madrileño José Antonio Torroja Cavanillas.