Embalse Portomarin Portomarín, camiños de auga e soños home conferencia hidroráfica del Miño-Sil Portomarin concello
Imaxe do panel: Igrexa de San Nicolao e San Xoán
 Patrimonio 

Igrexa de San Nicolao e San Xoán

  • Compárteo

Este templo, antigamente coñecido como de San Xoán, é sen dúbida o buque insignia do patrimonio de Portomarín. O edificio, exemplo de templo de estilo románico compostelán, declarado xa monumento nacional en 1941, crese que foi construído entre do século XII e principios do XIII. Canda a catedral fortaleza de Tui, estamos diante do único exemplo de conxugación de templo relixioso e fortaleza. A orde relixiosa e militar de San Xoán foi quen impulsou no seu momento a edificación e a súa coiraza estaba pensada como punto clave para a defensa da antiga vila. Como a práctica totalidade das construcións relixiosas, co paso dos séculos a igrexa sufriu diferentes modificacións arquitectónicas.

O escritor Gonzalo Paz cualifica o templo como “un dos exemplares máis fermosos do rómanico galego de transición” e sinala que “esta nobre fábrica de pedra caliza escura erguese no século XIII e, na opinión de Miss King dirixida por un só home, probablemente francés que, segundo conta a tradición popular, morreu sen vela rematada”.

Conta con tres portadas esculpidas. A principal evoca a visión apocalíptica do Pórtico da Gloria, feito que a relaciona coa escola ilustre escola do Mestre Mateo. Dentro da igrexa tamén podemos atopar restos de pinturas góticas, un baldaquino do século XVI e unha extraordinaria escultura de Cristo Crucificado realizada en madeira policromada e que está datada no século XIV.

A igrexa de San Xoán situábase xunto á ribeira do Miño. Co seu aspecto de fortaleza actuaba como principal elemento defensivo para a poboación desa marxe. Levantada no século XII, mantiña a súa traza orixinal con algunhas modificacións posteriores que non ocultaban a súa esencia primitiva, como a cubrición do paso de ronda exterior, a sancristía anexa e aditamentos interiores como a tribuna de coro do século XVII e o retablo maior.

Relata a historiadora Belén Castro que o estado de conservación do templo en 1955 era o bastante bo para aproveitar na súa desmontaxe a maioría da fábrica e a totalidade de elementos moldurados. A iso engadíase o propósito de reconstruíla en modo similar á súa morfoloxía orixinal. En palabras do arquitecto Pons-Sorolla esta depuración resultaba bastante factible polo espírito medieval que o templo conservaba moi pouco adulterado:

 “O interior ten unha gran harmonía. Con poucos engadidos posteriores, ademais. Só o coro e algún que outro detalle sen transcendencia. Alí pode vostede entrar a rezar en románico, en románico puro”

En consecuencia, todas as operacións técnicas levadas a cabo para a súa desmontaxe, reconstrución e traslado realízanse con gran coidado de non danar as pezas orixinais.

Explica Belén Castro que se trata dunha restauración que pretende recuperar o carácter orixinal e a unidade formal en que fora concibido o obxecto arquitectónico, eliminando os engadidos posteriores que -a xuízo do arquitecto- distorsionaban a pureza da súa imaxe, e reintegrando todas aquelas pezas ou elementos correspondentes ao seu concepto, función e deseño iniciais.