Embalse Portomarin Portomarín, camiños de auga e soños home conferencia hidroráfica del Miño-Sil Portomarin concello
Imaxe do panel: Concello de Chantada
 Chantada 

Concello de Chantada

  • Compárteo

Poboación: 8 783 habitantes (2012)

Superficie: 177,5 km²

Densidade: 49,48 hab./km²

'Corazón de Galicia' ten sido durante moitos anos o lema turístico deste concello, enclavado xeograficamente case que no medio do país. O concello abrangue terras entre a Serra do Faro e as ribeiras do Miño. No medio, a chaira onde asenta o propio pobo, que é capital da bisbarra conformada ademais polos municipios de Carballedo e Taboada.

Ten o seu cumio no Faro, a 1.187 metros, unha serra formada sobre granito e xisto dende a que en días claros podemos descubrir unha grandiosa panorámica desde onde se albisca a pegada das catro provincias galegas.

Entre a montaña e a ribeira

Asomando sobre o Miño a ribeira chantadina debuxa unha organizado mosaico de socalcos que aproveitan a pendente para a explotación da vide. A xeografía chantadina vén ademais atravesada por outros dous ríos. O río Asma cruza o propio núcleo principal do concello e vai dar ao Miño por baixo de Belesar en terras anegadas nese caso polo encoro dos Peares. Máis arriba, o río Enviande baixa do Faro ata á beira do Castro Candaz, visible só en tempos de seca ou augas baixas na presa.

Deulle nome na antigüidade a ilustre Serra do Faro: Faro Brigantium,con reminiscencias do paso normando e evocaciñon da deusa celta do lume, a sabedoría e a fertilidade. E co pasar dos séculos, crese que ben a súa reconstrución ou ben a defensa en forma de fortificación con estacas plantadas fronte aos invasores, outorgoulle o seu novo nome en Plantata, que evolucionou deica Chantada.

A zona está inzada de igrexas, templos e capelas nunha vizosa mostra de románico: San Salvador de Asma, Santa María de Camporramiro, San Cristovo de Mouricios, Santa María de Nogueira, San Paio de Muradelle, Santa María de Arcos, San Vicente de Argozón, Santa María de Bermún, San Cristovo de Fornas, etc

Festas a salientar

O Folión de Carros ten lugar durante as festas patronais de agosto, o sábado do cuarto fin de semana deste mes. Declarada Festa de Interese Turístico, é unha extraordinaria mostra da etnografía popular con raíces na Idade Media. Carros do país e plataformas con rodas cruzan a vila turadas por xugadas de bois e vacas. Sobre elas represéntanse oficios, personaxes e escenas tradicionais diversas.

A Festa da Empanada é outro evento con identidade de propia que se celebra o martes das patronais de agosto. Ese día, os veciños acoden a unha carballeira próxima para recrearse na gorentosa gastronomía local.

A Feira do Viño, a segunda fin de semana de marzo, é a principal cita enolóxica da Denominación de Orixe da Ribeira Sacra. Tamén a primeira da rolda de feiras de degustación de viños que teñen lugar nas semanas seguintes no ámbito da DO.

As Romarías da Nosa Señora do Faro, celébranse na cima do monte, a pé da ermita. A primeira o 15 de agosto e a segunda e máis multitudinaria, o 8 de setembro.

A Romaría do San Lucas, o 18 de outubro, no castro de San Amaro en Laxe.

A Feira do Viño e as Cereixas. De recente creación, a última fin de semana de maio, no lugar de Belesar, a pouca distancia do propio encoro.

As feiras, cada mes os días 5 e 21, poden ser boa escusa para tomar un bo viño e unhas talladas de polbo á feira.

O Entroido Ribeirao, coas súas figuras de volantes e peliqueiros, fora esmorecendo ata a súa recuperación paulatina a mediados dos anos 90 nas parroquias de Nogueira, Santiago de Arriba e Vilaúxe e recupera a súa fama en anos recentes.

Para ampliar, a web oficial do Concello de Chantada

www.concellodechantada.org