Embalse Portomarin Portomarín, camiños de auga e soños home conferencia hidroráfica del Miño-Sil Portomarin concello
Imaxe do panel: Portomarín revelado
 Recordos 

  • Pepe Pereira Pepe Pereira

Portomarín revelado

  • Compárteo

José López, ‘Pepe Pereira’, era en 1950 un mozo que cumpría o servizo militar na cidade española de Melilla, no norte de África. Un día libre e 150 pesetas no peto cambiáronlle a vida: “Eu non tiña nin idea de fotografía. Merquei a cámara e axiña moitos compañeiros de servizo me empezaron a pedir que lles tirase fotos”. Era o modelo Boy, con obxectivo lenticular dunha apertura e unha soa velocidade, estaba pensada para tirar fotos en espazos luminosos.

A historia comezaba a escribirse, Pepe Pereira volveu do cuartel coa Bilora Boy na maleta e coa paixón pola fotografía no corpo. Como a maioría dos fotógrafos daqueles tempos, o oficio aprendeuno de xeito autodidacta: “No ano 52 comprei libros, lin todo o que puiden e comecei a revelar”. Á súa vida chegaba por aquel entón, tamén dende Alemaña, unha cámara máis profesional: a Voss Diax. Con ela percorrería, entre 1952 e 1972, as rúas do Portomarín vello e máis do novo, os municipios todos da zona, montado nunha Montesa Brío 81, capturando paisaxes, xentes...a vida daquel tempo. O baixo da súa casa, unha antiga zapatería, é hoxe o seu museo particular, un lugar onde pasa incontables horas percorrendo milleiros de xoias documentais dun tempo que xa non volve.

A sombra do encoro, coma o resto dos veciños, viviuna Pepe Pereira dende a xuventude: “Polo ano cincuenta e pouco xa apareceron topógrafos e xente da empresa que se encargaba de mirar como respirabamos, mais aínda que se falaba do encoro ninguén o acababa de crer. Démonos conta que non había marcha atrás cando empezaron a marcar a pedras da igrexa para o traslado”.

E aí Pepe Pereira decidiu empregar a arma que mellor coñecía, a súa Voss Diax coa que retratou centos de estampas do Portomarín que tiña os días contados. As súas instantáneas documentan a vella vila case pedra a pedra, casa a casa, como se con elas quixese deter un tempo que xa empezaba a ser outro: “Claro que era consciente que o que estaba a facer tiña un valor documental. Estaba sacando fotografías mentres a auga subía nun só día ata dous metros e medio, cando dinamitaron as casas... ”. A Pereira cústalle vencer unha modestia que sorprende: “a profesión de fotógrafo ambulante non era dunha fama extraordinaria”.

Hai ben tempo que Pereira deixou de dedicarse profesionalmente á fotografía, pero a paixón seguía proendo nas veas e nunca abandonou a arte de conxelar instantes da vida. Pepe Pereira garda na súa casa de Portomarín máis de 40.000 clixés, resumo de 60 anos entregado á fotografía: “Reviso practicamente todos os días o arquivo e sempre atopo detalles novos”.