Embalse Portomarin Portomarín, camiños de auga e soños home conferencia hidroráfica del Miño-Sil Portomarin concello
Imaxe do panel: 1963-2013:  medio século aprendendo a mirar o futuro
 En Cifras 

1963-2013: medio século aprendendo a mirar o futuro

  • Compárteo

Cincuenta anos poden cambiar e de feito cambian a miúdo o decorrer dunha vila. No caso de Portomarín, 1963 marca un punto de inflexión que de seguro é o capítulo máis importante da súa historia: desaparición do vello Portomarín baixo as augas do Miño e a aparición dunha nova vila que emerxe a poucos centos de metros do seu pasado milenario.

É este un caso pouco habitual na historia das sempre traumáticas desaparicións de contornas habitadas porque Portomarín, pese a todo, decidiu seguir existindo e recoller así dalgún xeito a herdanza dos seus antepasados.

A demografía do concello no último século afrontou os importantes movementos migratorios de comezos do SXX, alén do golpe da 'gripe española' no contorno de 1918, con masiva saída de mozos que colleron as maletas para embarcaren a Cuba, Arxentina ou Brasil. Na década dos 60, e ademais da forte emigración ás zonas máis industrializadas da península, en Portomarín en 1963, coa desaparición definitiva da vila antiga, moitos veciños optan pola indemnización económica no canto do traslado e buscan un futuro máis próspero en cidades como A Coruña, Lugo e Vigo ou mesmamente fóra de Galicia. Xa na década dos 70 e 80, Portomarín ao igual que a práctica totalidade dos municipios rurais afronta o problema do éxodo de poboación ás cidades e a Europa. Na actualidade os datos máis recentes do Instituto Galego de Estatística (ano 2012) recollen que a poboación total ascende a 1.690 persoas.

Unha nova economía para un novo tempo

Viñedo, centeo, trigo, millo ou patacas eran cultivos comúns no Portomarín de mediados do século pasado, nun tempo onde o agro seguía baseado en técnicas milenarias. A salientar as fértiles terras de aluvión da zona da Pitanza, con colleitas de magnífica calidade.

Medio século despos hai no municipio de Portomarín un total de 228 persoas dadas de alta no réxime agrario. E aínda que son moitas menos as familias ligadas directamente ao sector primario, hai 159 as casas que contan con explotacións de gando vacún e o número de cabezas de bovino triplica ás de mediados do século pasado (7.112). Segue a ser pois o sector agrogandeiro un alicerce fundamental na economía municipal de Portomarín e sobre todo nas parroquias máis rurais, que teñen na venda do leite e da carne boa parte dos seus ingresos.

Mais xa non é o sector primario o que máis riqueza xera nas terras de Portomarín. O turismo vinculado ao Camiño de Santiago e ás peregrinacións multiplicouse asombrosamente. Aínda que Portomarín foi sempre lugar de especial importancia nas peregrinacións, nada teñen que ver os pequenos grupos que pasaban pola vila hai décadas co aluvión de peregrinos que fai parada na actualidade. Isto fixo que o comercio e, principalmente a oferta hostaleira, se multiplicase nas últimas dúas décadas en Portomarín.

E non debemos esquecer a importancia simbólica e empresarial que ten na economía local a afamada augardente de Portomarín, as tortas de améndoa e como non, a sempre amada anguía