Embalse Portomarin Portomarín, camiños de auga e soños home conferencia hidroráfica del Miño-Sil Portomarin concello
Imaxe do panel: María Josefa Vázquez (San Xoán, 1922)
 Recordos 

María Josefa Vázquez (San Xoán, 1922)

  • Compárteo

De todos os veciños de Portomarín cos que falamos para elaborar este mosaico, María Josefa Vázquez é a máis vella. Con 91 anos cumpridos destila simpatía e lembranzas dun tempo que queda moi atrás na memoria e non dubida en sacar con divertimento vellas rivalidades infantís: “Ás veces, entre os de San Pedro e San Xoán andabamos ás pedras uns cos outros”.

María Josefa lembra un Portomarín xa moi distante, da década dos 20 e dos 30 do século pasado, tamén ben máis duro: “había pobres e ricos como agora. Nós eramos pobres. Meus pais tiveron doce fillos, dos cales vivimos nove e xa só quedo eu. Traballabamos arreo nas poucas terras que tiñamos e nas que nos tiñan arrendadas”. Seu pai tíñalle tamén arrendado un caneiro a un fidalgo da zona. A familia vendía parte das anguías capturadas e o resto eran un dos pratos principais na mesa: “Conservabámolas en sal e logo iamos coméndoas frixidas ou en empanada, como lle cadrase”.

A pesar dos malos tempos vividos, ben diferentes aos de hoxe en día, María Josefa fala cunha chispa nos ollos ao rememorar a súa mocidade, os bailes e os baños no río ao solpor que lle custaron algunha que outra pulmonía. “A min aquilo gustábame porque xa se sabe que onde un nace...Agora tamén é certo que temos outras comodidades”.