Embalse Portomarin Portomarín, camiños de auga e soños home conferencia hidroráfica del Miño-Sil Portomarin concello
Imaxe do panel: Concello de Paradela
 Paradela 

Concello de Paradela

  • Compárteo

Poboación: 2 038 hab. (2012)

Superficie: 121,12 km²

Densidade: 16,83 hab./km²

Do latino 'parata', alto no camiño, albergue, pousada, en forma de diminutivo chéganos o topónimo Paradela. E é que a súa historia está intimamente vencellada ao seu papel no Camiño de Santiago, onde hai xa séculos aparecía referenciada en códices e relatos sobre a viaxe dos peregrinos.

Situado xeograficamente entre o val do Miño e a depresión de Sarria, Paradela é o concello previo á ponte que nos saúda a entrada a Portomarín. E alén do papel protagonista do Miño na súa ribeira, non hai que esquecer que dende a súa parte norte a atravesa o río Loio. En Pena Ventureira, con 838 metros, ten a súa cima principal.

San Facundo de Ribas de Miño, Santa María de Loio ou Mosteirovello son algúns dos máis relevantes exemplos do patrimonio románico desta zona. Nesta mesma web, no apartado correspondente, poden atopar máis información acerca deles. Doutro estilo pero tamén de interese son as igrexas barrocas de Barán, e a de Santa María de Francos.

Mais tamén outros puntos de interese para o turista poden ser os numerosos castros. Por exemplo, o Castro de Barán e o Castro de Cortes, cuxos restos máis importantes, algunhas pezas de gran valor, poden verse documentados no Museo Provincial de Lugo

Festas a salientar

Destacaremos por riba das demais o 15 de maio, o San Isidro, patrón do agro e da gandeiría, un día especial en Paradela para honrar a tradición e os costumes con música e boa gastronomía. Na mesma data tamén se celebra a Feira de Gando. Por outro lado, os días 15 de cada mes o Concello de Paradela celebra a súa feira mensual.

As festas patronais de Paradela, en honor á Virxe das Dores, teñen lugar o terceiro domingo de setembro. Outras festas son por exemplo o Corpus, en Vilaragunte, os días 29, 30 e 31 de maio ou o Santiago, en Andreade, os días 25 e 26 de xullo.

Poden ampliar na web oficial do Concello de Paradela

www.paradela.es/