Embalse Portomarin Portomarín, camiños de auga e soños home conferencia hidroráfica del Miño-Sil Portomarin concello
Imaxe do panel: Concello de Portomarín
 Portomarín 

Concello de Portomarín

  • Compárteo

Na historia

O 8 de Febreiro de 1946 a vila de Portomarín foi declarada Conxunto Histórico Artístico.

A importancia do municipio albíscase nos numerosos vestixios arqueolóxicos, que en forma de medorras e castros proliferan por todo o municipio. Exemplos de iso son o Castro de Catromaior, o Castro de Vires, o Castro de Bedro, Castrolobrixe , Castro de Vila e o Castro de Soengas.

Aos romanos débese a construción no século II da primeira ponte da vila, unía os dous barrios, que logo sería aproveitado polos peregrinos na súa peregrinaxe a santiago, convertíndose nun enclave chave no Camiño de Santiago, pois era unha dos poucas pontes que por aquel entón permitían cruza-lo Miño. Portomarín xa aparece citada como “Portumarini” no ano 792.

A orixe da vila parece estar ligado ao conde Don Gutierre e á condesa Dona Ilduara, pais de San Rosendo, bispo de Mondoñedo e fundador do mosteiro de Celanova no s. X

Durante a Idade Media debeu de acadar gran importancia, ata o punto de contar con 3 ordes de cabalería. Na marxe esquerda estaban os Cabaleiros da Orde de Santiago, nada no mosteiro de Loio, e a Orde do Templo. Na marxe dereita estaba a Orde dos monxes-cabaleiros da Orde de San Xoán de Xerusalén. O carácter guerreiro destes monxes explica o aspecto de fortaleza da Igrexa de San Xoán, coñecida como San Nicolás, ao estar situada no barrio de San Nicolás do Portomarín antigo.

No Códice Calixtino aparece Portomarín denominado coma Pons Minea (ponte do Miño), e xa entón era un fito importante do camiño xacobeo , sendo o seu maior esplendor sobre todo nos séculos X ao XII, cando Portomarín, paso obrigado do Camiño de Santiago é considerado un dos marcos mais importantes, tras pasar a cima do Cebreiro.

En 1112 a Ponte foi destruída por Dona Urraca, reina de Castilla, para frear o paso das tropas do seu marido, Alfonso o Batallador, e 8 anos máis tarde esta mesma raíña ordenaría reconstruír a ponte a un tal Pedro o Peregrino. 

Posteriormente o arcebispo Pedro Arias entregou o burgo de Portomarín á recén creada Orde de Santiago. Baixo o reinado de Alfonso IX a vila pasou a depender da orde de San Xoán de Xerusalén.

No 1126 Pedro o Peregrino construíu un hospital, en cuxa fachada líase a frase “Domus Dei” . O Hospital, adicado a atención dos peregrinos foi confiado á Orde de Santiago e logo á Encomenda de San Xoán, á que tamén correspondía o burgo de Portomarín e o coidado da ponte e do Camiño de Santiago. Hospital foi derrubado en 1944.

A antiga vila estaba constituída por dous barrios, divididos polo río Miño, o de San Pedro na marxe esquerda e o de San Xoán na marxe dereita.

Portomarín o novo creouse a mediados do século XX nas terras altas do monte do Cristo na marxe dereita do río Miño. Portomarín o vello dorme baixo as augas do encoro de Belesar. A vila trasladouse ao Monte do Cristo debido á construción do pantano.

O patrimonio monumental foi trasladado pedra a pedra ata ou seu actual emprazamento. Trasladáronse as igrexas de San Nicolás , San pedro e algúns pazos do século XVI, como o do Conde da Maza do século XVI e o Pazo dos Pimentales ou de Berbeteros, do século XVII.

A igrexa de San Xoán, hoxe denominada de San Nicolás, construída nos séculos XII e XIII, é un dos monumentos románicos máis senlleiros do Camiño de Santiago, a igrexa de San Pedro, data do século X e forma parte dun conxunto integrado polo Pazo de Berbetoros e o Pazo do Marqués de Paredes.

Hoxe, o primitivo pobo está baixo as augas do encoro de Belesar cuxas obras inícianse no ano 1956. A súa cola, de máis de 40 km, somerxería para sempre esta vila, nacendo o Portomarín que hoxe contemplamos no ano 1962.


Na actualidade

A vila de Portomarín situada na provincia de Lugo, nas marxes do río Miño, conserva as carcterísticas da tradicional vila galega, con soportales, rúas empedradas, e casas de baixa altura, o que a fai dona dun encanto especial. Atópase a 25 kms. ó sur da capital lucense. Limita cos concellos de Guntín, Páramo, Paradela, Taboada e Monterroso.

Famosa pola beleza paixaxística, o esmero co que se manteñen os moitos espazos naturais existentes no concello, Parques como o de Manuel de Blas, Antonio Sanz, ou Agustín del Río, fan que Portomarín sexa coñecida como Vila Xardín. Hoxe en día é a población galega que ten máis extensión de zonas verdes no seu casco urbano.

A súa privilexiada situación proporciónalle un clima suave e unha variada vegetación. 
Na parte máis occidental atopanse os relevos que separan Portomarín da Ulloa, entre os que cabe destaca-lo Monte Narón, a 800 metros de altitude, e Pena da Lebre, cunha altitude de 747 metros sobre o nivel do mar. No centro do municipio situanse o Monte Castrillón, de 751 metros, e o Monte Gándaras de Cebres, 467 metros.

Climatolóxicamente dase un clima oceánico-continental cunha temperatura media de 12º. As precipitacións son suaves e regularmente distribuidas ó longo do ano, agás nos meses de Xullo e Agosto que presentan unha certa aridez estival.

Regan as súas terras numerosos regatos e ríos, destacando os ríos Ferreira e Miño principalmente.

Portomarín conta cunha superficie de 115 quilómetros cadrados, divididos en vinte parroquias. A poboación, un total de 1918 habitantes, concentrase principalmente nas parroquias de San Pedro e San Nicolás de Portomarín, que conforman o centro urbano do concello.

A distribución da poboación por sectores de actividade móstranos como un 34,24% ocupanse no sector agrícola, un 11,57% na rama industrial e un 43,83% empleanse no sector servizos.

A gandaría é o principal sustento económico do municipio, sendo o gando vacún predominante por riba da cabana porcina e ovina, destinado fundamentalmente á producción cárnica e láctea.
As terras de cultivo, representan o 12% da superficie total, adicanse a productos coma o maíz, trigo, centeno, ou patacas, destacando tamén o cultivo da vide. Non hai que esquecer que Portomarín atópase na Ribeira Sacra lucense, terra de afamados viños.

O sector pesqueiro, outrora de reseñable importancia na economía do municipio, é hoxe máis ben unha actividade deportiva, contando o concello con instalacións adicadas as actividades naúticas; vela e piraguismo. Portomarín ofrece a posibilidade de fazer un percorrido en catamarán polas augas do encoro de Belesar, dentro das rutas turísticas da Ribieira Sacra.

As principais vías de comuncicación son a N-540 (Ourense-Lugo), a N-640 (Lalín-Lugo) e a C-535 (Lugo-Portomarín-Sarria).Distancia coas principais cidades por estrada:-A Coruña: 112 km.-Ferrol: 122 km.-Lugo: 25 km.-Ourense: 67 km.-Pontevedra: 122 km.-Santiago de Compostela: 94 km.-Vigo: 145 km.